Nova personaxe 2024

XXV FESTIVAL INTERNACIONAL
DE TÍTERES DE REDONDELA

Memorial Juanjo Amoedo

do 13 ao 19 de maio do 2024

Personaxe do FIT 2024

“Un pobo que non axuda e non fomenta o seu
teatro, se non está morto, está moribundo”

F. G. Lorca

A finais dos anos 90 Juanjo Amoedo como presidente da Asociación Veciñal de Redondela, iniciou os primeiros trámites necesarios para celebrar o primeiro Festival Internacional de Títeres de Redondela pero un lamentable accidente truncou os seus desexos.
Tras a súa morte, diferentes colectivos da vila xuntáronse e decidiron continuar coa idea inicial de Juanjo e fundaron a Asociación Xente Titiriteira co único obxectivo de celebrar un Festival de Títeres en memoria de Juanjo Amoedo.

No ano 2000 celébrase a primeira edición do Festival, aínda feita en pesetas, e con esas vimbias que lle deron unha estrutura organizativa e un posicionamento artístico cunha maxia que xa auguraba un evento cultural necesario e perenne.
Se pechamos os ollos aínda podemos ver esas primeiras edicións levadas a cabo con mimo e cuns equipos de traballo comprometidos, implantando o Festival como un referente.

Asociación Xente Titiriteira

XXV Festival Internacional de Títeres de Redondela.

Memorial Juanjo Amoedo
do 13 ao 19 de maio-2024


Hoxe queremos presentar as datas do que será o XXV Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo 2024 que se celebrará do 13 ao 19 de Maio.

Unha edición con máis de 13 escenarios e máis de 70 representacións na que agardamos unha asistencia de máis de 40000 espectadores/as, converténdose no Festival máis importante de Galicia no seu xénero e nun dos mellores considerados do país, e que ademais chega ao seu aniversario de prata consolidado e recoñecido.

Un Festival que cre firmemente no poder transformador do Teatro tanto a nivel individual como colectivo e nun lecer intelixente e festivo que contribúe ao crecemento dunha sociedade máis igualitaria e empática.

Un acontecemento, unha experiencia, unha festa da diversidade que xa vén arroupada por un público interxeneracional onde os nenos/as que asistiron ás primeiras edicións levan agora aos seus fillos/as, nese ciclo vital que transcorre nun carto de século. Unha festa da diversidade que encherá de novo Redondela de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas, espectáculos itinerantes, instalacións, animación de rúa e un feixe de sorpresas.

Por todo isto sentimos unha mestura de satisfacción, honra e responsabilidade. De satisfacción por facer de Redondela un referente, de honra porque a nosa vila está asociada na súa identidade ao mundo dos títeres, pero tamén moitas veces sentimos unha responsabilidade, ás veces extrema, ao ter que loitar ano a ano por presentar un Festival honesto e sinceiro dando resposta ás expectativas depositadas en nós.

Queremos presentar tamén o noso simpático “Caracol”, a nova personaxe 2024 que vén ilustrar esta XXV edición, creación do noso querido Pablo Pastor, que leva 25 anos dándolle ao Festival esa personalidade única.

Podemos confirmar xa a presenza de espectáculos e compañías chegadas das máis diversas procedenzas: Italia, Arxentina, Holanda, México, Francia, Portugal, Alemaña, Valencia, Castela León, Cantabria, Andalucía, Aragón ou Galicia. Este ano faremos unha programación especial de rúa os días 17, 18 e 19 de maio.

O Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo é o reflexo do esforzo colectivo dun pobo por difundir e gozar do Teatro de Títeres.

Luis Crespo
Director do Festival