XXI FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA (Memoria)

FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA Memorial Juanjo Amoedo

A finais dos 90, Juanjo Amoedo como presidente da Asociación de Veciños de Redondela iniciou as xestións oportunas para celebrar o primeiro Festival Internacional de Títeres de Redondela (Pontevedra), pero un desgraciado accidente truncou os seus desexos.

Tralo seu falecemento diferentes colectivos da vila (Redondela, 30.000 habitantes), uníronse e decidiron seguir adiante coa idea iniciática de Juanjo e fundaron a Asociación Xente Titiriteira co único obxectivo de levar adiante un Festival de Títeres en memoria de Juanjo Amoedo.

Xa van 20 edicións e converteuse, sen dúbida algunha, nun dos acontecementos culturais máis importantes de toda Galicia.

O FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA (Memorial Juanjo Amoedo) celebrarase do 1 ao 6 de setembro contribuíndo como motor social e económico ao transmitir normalidade e esperanza.

A organización do evento mantén a vocación internacional do Festival, presentando nesta ocasión os traballos e espectáculos de compañías profesionais de: Arxentina e tamén de Cataluña, Madrid, Andalucía, Castela-León e Galicia (entre outras).

Unha festa da diversidade que encherá de novo Redondela de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas, xogos participativos, animación de rúa e un feixe de sorpresas.

Seguindo a filosofía do seu creador, Juanjo Amoedo, o Festival continúa na liña de involucrar na súa celebración a maior cantidade posible de institucións, de sectores sociais e de xentes do concello, para manter este acontecemento como a maior manifestación cultural de Redondela. Queremos manifestar que a complicidade co Concello de Redondela é máxima, xa que son parte fundamental no desenvolvemento do Festival.

Así, o Festival conta xa co apoio de diversas institucións políticas, económicas e sociais de índole autonómica, provincial e local, e na súa organización participan de forma voluntaria arredor de 250 persoas procedentes de diferentes colectivos e agrupacións locais que conforman a Asociación Xente Titiriteira.

Na pasada edición superouse sobradamente a cantidade de 30.000 espectadores, polo que as previsións para este ano son inmellorables.

A Asociación Xente Titiriteiria cre firmemente na necesidade máis ca nunca da maxia dos Títeres como catalizador e dinamizador social.

O XXI FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA é o reflexo do esforzo colectivo dunha vila por aportar e comprometerse nesta situación histórica a través do teatro de monicreques.